Mañón serra, rio e mar
FOTOS MENU

Situación

Xeografía

O municipio de Mañón forma unha estreita e longa franxa dun terreo que, harmoniosamente, conxuga serra, río e mar. Son as fecundas augas doces do Sor as que sucan do sur ó norte, as súas accidentadas terras, nas que apenas hai un palmo de chaira. Este fío conductor une o silencio da serra da Faladoira co incesante e monótono son das augas marítimas, que confunden, alá, os nomes de Atlántico e Cantábrico.

vista aérea

Mañón posúe a configuración xeográfica moi particular, cun ancho que oscila entre os 1000 e os 1400 metros lineais, ten unha lonxitude de trinta quilómetros. O río Sor, e tamén os seus afluentes, sucan profundos vales, de abundante vexetación, que contrastan coas arbustivas zonas altas da serra.

Nestas alturas, hai que falar da Faladoira, con 605 metros sobre o nivel do mar; da Cruz da Palloza, 616 metros; e, dos 523 da Coriscada, descendentes ata chegaren ó cheiro salgado da costa. Precisamente nesta zona, érguese, impetuoso o Facho da Meda - 331 metros de altitude -, un dos mellores sobre a ría, ó que só se pode chegar a pé. O clima adoita garda-la característica principal da costa norte galega: occidental e humido; sen embargo, o abrupto relevo do concello, cunha configuración tan alongada entre a montaña e a costa, dá orixe a diferencias notorias e á aparición de microclimas moi peculiares, coma o que se forma nas Ribeiras do Sor.

vista aérea

A poboación confórmana aproximadamente 2000 habitantes, que, repartidos polos 82,1 quilómetros cadrados,acadan unha densidade do 24,3. Esta cifra é algo maior na parroquia do Barqueiro,feito que vai en detrimento das outras catro parroquias restantes: Bares, Ribeiras, Mañón e Grañas do Sor. Bares e Ribeiras do Sor son as dúas parroquias ribeirás. A primeira xunta a súa poboación na vila e no porto de Bares, mentres que na segunda está máis espallada polas beiras do Sor. As parroquias de montaña, Mañón e Grañas, non teñen ningunha aglomeración importante, só aldeas e lugares pintorescos entre as agochadas enrugas das ladeiras da serra.